Sunday 05 de May de 2024

Teatrando Alecrín abrirá este domingo a I Mostra Infantil e Xuvenil de Teatro do Concello de Lousame, que inclúe catro actuacións



As representacións terán lugar na Casa da Cultura “Santeiros de Chave” os domingos 5, 12 (dúas) e 19 de marzo, ás 18:00 horas

As Concellerías de Cultura e de Xuventude do Concello de Lousame organizan durante os tres primeiros domingos deste mes de marzo a I Mostra Infantil e Xuvenil de Teatro, que incluirá catro actuacións de tres grupos. Todas as representacións terán lugar na Casa da Cultural “Santeiros de Chave” de Lousame os domingos 5, 12 (dúas sesións) e 19 de marzo, ás 18:00 horas. A entrada é libre e de balde.

A I Mostra Infantil e Xuvenil de Teatro do Concello de Lousame abrirase este domingo 5 de marzo, ás 18:00 horas. O grupo Teatrando Alecrín, conformado por mozos e mozas de Lousame e dirixido por Adriana Castro, representará “O baúl músical”. Trátase dunha peza de 50 minutos de duración dirixida a un público infantil e xuvenil.

O domingo 12 de marzo haberá ración dobre. Ás 18:00 horas, o grupo de teatro da ANPA do CEIP Felipe de Castro (Noia) representará “Berenguela, aventuras e desventuras dunha espiña de toxo”. Trátase dunha peza de Manuel María, dirixida por Rosa Bañas e cunha duración de 25 minutos. Ese mesmo día, ás 19:30 horas, o grupo de teatro A Barquiña Azul, dirixido por Olga Insúa e María Teresa Horta, presentará unha peza de Castelao: “Os vellos non deben de namorarse”. Terá unha duración de 30 minutos.

O grupo local Teatrando Alecrín será o encargado tamén de pechar esta I Mostra Infantil e Xuvenil de Teatro, nesta ocasión representando “Unha, dúas… cámara e acción”. Unha peza dirixida por Adriana Castro e que será posta en escena o domingo 19 de marzo, ás 18:00 horas. Terá unha duración de 50 minutos.